FECHA

Dixitalizan unha colección única do xornal “Solidaridad Obrera”
O proxecto de investigación “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” -impulsado pola Consellería de Cultura e as tres universidades- vai dixitalizar a colección máis completa que se conserva do xornal Solidaridad Obrera, editado na Coruña ente 1930 e 1936.

Xunto con este xornal, tamén se incorporarán ao fondo documental exemplares doutras cabeceiras que permitirán achegarse dun xeito máis directo á realidade do movemento obreiro previo á guerra civil en Galicia. Estas publicacións son propiedade da familia Villaverde Otero e pertenceron ao líder anarquista José Villaverde Velo (Compostela, 1894- Arteixo, 1936).

A colección de Solidaridad Obrera preséntase como referente no Estado pola súa relevancia e importancia histórico social, xa que só en Ámsterdan se pode consultar outra colección similar, aínda que de menor envergadura. Villaverde Velo foi director e asiduo colaborador desta publicación, así como doutras semellantes editadas en Madrid, Barcelona ou Valencia. No xornal destacan as reproducións de discursos e mitins dos principais líderes da CNT así como a colección fotográfica e de debuxos que presentan as páxinas, e que serán recollidas individualmente na dixitalización.

Xunto con Solidaridad Obrera (Solidaridad, tras 1934), rescatáronse exemplares de La Calle, que comezara a súa andaina en 1936, e que contaba coa participación de simpatizantes do Partido Sindicalista coruñés e onde José Villaverde escribía a sección “Flechazos”. Tamén se recuperaron exemplares de Combate Socialista, xornal que aparece en 1936, e de Brazo y Cerebro, xornal anarquista que comeza a editarse o 1º de maio de 1935 cunha periodicidade quincenal, continuando sen interrupción ata o golpe de estado franquista.

Ademais destes periódicos relacionados directamente coa II República, os fondos do proxecto incrementaranse con cabeceiras tan destacadas como Tierra y Libertad (xornal anarquista mexicano que comprende os anos 1972-1984), La Campana (posto en marcha en Pontevedra na década dos oitenta), CNT (Madrid, 1977), Solidaridad Obrera. Organo de la CNT de Catalunya (Barcelona, 1979), entre outras. Con este traballo, o proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” porá á disposición de investigadores, xornalistas e interesados en xeral, documentos de valor histórico incalculable.


P.-S.

www.galicia-hoxe.com

Scroll al inicio